A xornalista Iolanda Casal presentou o libro de divulgación científica Investigadoras Galegas onde recolle as investigacións de 50 científicas galegas de primeira liña.
Sempre nos dixeron que só hai 3 estados da materia. Pero se lles preguntamos aos físicos (e químicos) que participaron no V Encuentro del Grupo Especializado en Física de Estado Sólido que tivo lugar en Santiago, os estados da materia multiplícanse. Conversamos con Francisco Rivadulla, investigador Ramón y Cajal na USC e organizador destas xornadas. Rivadulla traballa en propiedades emerxentes da materia que aparecen en condicións moi particulares (baixas temperaturas, altas presións…). As propiedades emerxentes son aquelas que xorden de fenómenos cooperativos, e dicir, o todo non pode ser explicado pola suma das súas partes: Unha célula viva non é unha simple suma de orgánulos nin a socioloxía é a suma dos comportamentos dun grupo de persoas.

Francisco Rivadulla na Radio Galega.
O catedrático da Universidade Complutense de Madrid Miguel Ángel Alario explícanos que entenden os químicos de estado sólido por metamaterial. Alario tamén coordina o ciclo de relatorios “Científicos Galegos” da Casa de Galicia en Madrid.
Se falamos de capas de invisibilidade rapidamente pensamos en Harry Poter. No entanto, a chave da invisibilidade está na muller invisible dos 4 fantásticos. É quen de curvar a luz antes de que os raios cheguen a ela. Isto mesmo conseguiuno facer Sir John Pendry creando un metamaterial que desvía a radiación (luz) de microondas antes de colidir cun pequeno cilindro de cobre. O obxecto é invisible ás microondas porque nin reflexa a luz nin crea sombra.

Raios de luz desviados por un metamaterial (disco azul) invisibilizan o disco vermello (Fonte Science).
Este mecanismo é semellante á auga dun río que bordea unha rocha, o fluxo desvíase aos lados da mesma e despois volve unirse nunha única corrente. Quen observe a corrente río abaixo nunca vai adiviñar que esta superou un obstáculo.
