Efervesciencia na Praia

“Efervesciencia na Praia” é un proxecto de divulgación sobre as Ciencias do Mar que ten o seu inicio o sábado 26 de xullo na praia de Covas en Viveiro. Durante 4 días os bañistas desta praia poderán participar nunha decena de interesantes obradoiros guiados por un equipo de 12 monitores especializados onde poderán facer experimentos, converterse en científicos por un día ou coñecer as reservas mariñas galegas. Estas actividades están pensadas para que grandes e cativos pasen uns momentos entretidos na praia xogando coa ciencia, e de paso aprendendo in situ cousas sobre este medio natural.

ENP

A praia das Covas só é a primeira etapa de “Efervesciencia na Praia”. O 2 de agosto esta caravana chegará a praia de Santa Cristina en Oleiros, o 9 ó areal de Baltar en Portonovo e finalmente o 16 trasladarase á praia do Vao en Vigo. 

Praias

“Efervesciencia na praia” é un proxecto de divulgación científica no que participan as principais institucións galegas relacionadas coas ciencias do mar (CETMAR, Divulgamar IIM-CSIC, Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e Augas de Galicia) coordinadas pola Asociación de Oceanógrafos de Galicia, e no que tamén colabora a Radio Galega emitindo Efervesciencia en directo os domingos dende cada unha das praias seleccionadas. Este proxecto está financiado pola FECYT.