
A interferencia de ondas empregouse para detectar por primeira vez as ondas gravitacionais polo experimento LIGO. Curiosamente o mesmo fenómeno que empregan os ópticos para diagnosticar o ollo seco. José Edelstein debúllanos o descubrimento das ondas gravitacionais e Carlos García Resúa explícanos as funcións das lágrimas, e como un pestanexo a tempo diante dunha pantalla pode evitar problemas oculares.
Os robots están aquí para quedarse. Sabemos convivir con eles? Subiriamos a un avión pilotado por unha máquina? Vannos quitar o traballo? Como aprenden? Conversamos con Senén Barro, catedrático de ciencia da computación e intelixencia artificial da USC.