O profesor da Universidade de Vigo Pío González preséntanos o concurso de relatos breves científicos “Ciencia que conta“. Poden participar escolares e público xeral. O prazo para enviar os relatos – de ata 1000 palabras – remata o 30 de outubro.

Dámoslle un pequeno repaso aos premios nobel de ciencias deste ano.

Ignacio García Jurado é catedrático de estatística e investigación de operacións na USC. Na entrevista falamos da orixe militar da investigación de operacións, da teoría de xogos e da ferramenta que crearon para optimizar as colleitadoras da cooperativa “Os Irmandiños” de Ribadeo. Ademais descubrimos a súa faceta como novelista.

Ignacio Garcia Jurado

Ignacio García Jurado

En Entrevistas no Alén o gran César Goldi tráenos o primeiro gran constructor de microscopios Anton Van Leeuwenhoek.

En setembro empezaron a circular, aínda que sen colidir, os primeiros feixes de protóns no maior acelerador de partículas do mundo, o LHC do CERN en Xenebra. Actualmente os técnicos están reparando a avaría dos imáns nos sectores 3 e 4 que se produciu xusto o última día da visita da Radio Galega ó Cern. Coidase que no verán se volva poñer en marcha o acelerador.

E velaquí vai a pregunta do noso concurso, inflúelle a lúa ó LHC, o gran colisionador de hadróns?

Posibilidades

1.- Si, a lúa fai que o perímetro do LHC dilate un 1 mm.

2.- Si, non inflúe directamente no acelerador nin nas partículas pero si no estado de ánimo dos controladores, e por iso non se van inxectar partículas as noites de lúa chea.

3.- A lúa non inflúe en absoluto no LHC

Programa 104 (12-10-08)