O Consello da Cultura Galega presentou unha interesante páxina web chamada Álbum da Ciencia. En “Álbum da Ciencia” vanse publicar tódalas semanas de 2007 unha biografía dun científico, intelectual ou pedagogo galego que tivese relación coa Junta de Ampliación de Estudios. Esta institución foi a orixe do Consejo de Investigaciones Científicas.
Conversamos sobre o INCITE con Salustiano Mato de la Iglesia, catedrático de Bioloxía Animal e Director Xeral de Investigación da Xunta de Galicia. O INCITE -Innovación, Ciencia e Tecnoloxía- é o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica 2006-2010. O INCITE prevé que o investimento en investigación en Galicia pase do 0,85% do PIB ata o 1,5%, onde a metade do esforzo investidor proveña do mundo empresarial.
Unha das novidades de INCITE é que por primeira vez se deseña a carreira científica. E dicir, o itinerario que debe seguir un titulado universitario para chegar a ser un investigador cun posto de traballo estable.
