Tino Álvarez fainos a boca auga coas actividades que se van desenvolver na Fonsagrada co gallo da Semana da Ciencia: itinerarios científicos e os obradoiros “a Maxia da Química”.

Teñen algo que ver os superordenadores do Cesga co PC que temos nas nosas casas? A resposta é si e non. O procesado dixital dunha película de animación require moitísimo tempo de computación. Pero este é un problema que se pode dividir na suma de moitas tarefas pequenas, en concreto na suma do procesado de cada un dos fotogramas do filme. Hai un tipo de superordenadores que afrontan con éxito esta clase de problemas, os constituidos por centos ou miles de procesadores – que traballan en paralelo – idénticos aos dos ordenadores que utilizamos todos no día a día.  

Pero hai problemas complexos que non se poden dividir noutros máis simples que requiren superordenadores cunha “arquitectura” distinta. Un coche utilitario e un Fórmula 1 son automóbiles, pero tecnoloxicamente son moi distintos. Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), cóntanos como son estes Fórmula 1 da computación e para que valen.

Descubrimos as innovacións de Mendellab, e na Sección Aleatoria coñecemos o científico sueco máis importante de todos os tempos, Carl Linneo: o responsable de que nos chamemos a nós mesmos Homo sapiens.