A nova desta semana é de impacto. De impacto de corpos celestes coa terra, en concreto da colisión que aconteceu hai un século nunha rexión siberiana deshabitada chamada Tungusca. O 30 de xuño de 1908 unha grande explosión esnaquizou máis de 2000 quilómetros cadrados de bosque producindo unha gran bola de fogo e un terremoto moderado que hoxe se estima que foi de magnitude 5 na escala Ritcher. Escribo estímase, porque ata 27 anos despois non se desenvolveu esta escala que cuantifica a enerxía liberada polos tremores da terra.
Científicos do Laboratorio Estadounidense de Seguridade Nuclear Sandia aproveitaron a gran potencia de cálculo dos actuais superordenadores pra facer unha simulación do choque incorporando novos parámetros. Segundo estes novos cálculos a catástrofe de Tungusca tería sido provocada por un asteroide de tan só 30 metros de diámetro. E isto non son boas noticias porque os mecanismos de detección de posibles asteroides que poidan colidir coa terra son válidos para obxectos de máis de 140 metros de diámetro, e non asteroides tan pequenos coma este. Haberá que seguir facendo simulacións para ver se os do Laboratorio Sandia de Novo México levan razón.
O estudo das civilizacións primitivas axuda a entender o que somos. Comprender cal é o comportamento dos pobos indíxenas aínda non contactados pola cultura occidental proporciona pistas para interpretar os restos arqueolóxicos. No tempo da conversa contamos coa presenza nos estudios da Radio Galega do investigador arxentino Gustavo Politis, que viviu na selva amazónica coas culturas nukak, oti e awa. Politis é un dos arqueólogos máis prestixiosos de América do Sur. Actualmente dirixe o Departamento de Arqueoloxía da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade Nacional do Centro da Provincia de Buenos Aires.
Na sección aleatoria responderemos unha pregunta que moitos se fixeron nestas festas que hoxe rematan: É efectivo tapar cunha culler unha botella de cava para que non perda as burbullas?