Galicia vai acoller unha das catro sedes do Instituto Español de Matemáticas logo de competir nun concurso público do Ministerio de Educación y Ciencia.
A candidatura galega, froito da colaboración entre as tres universidades, e a Consellería de Innovación e Industria, estivo coordinada por un grupo promotor de 10 matemáticos galegos de prestixio internacional.
A sede do IEMATH en Galicia construirase no complexo “Constelación” en Santiago, xunto ao novo asentamento do CESGA. En 2014 contará con 84 investigadores no seu cadro de persoal. Desenvolveranse, entre outras, investigacións multidisciplinarias de transferencia de tecnoloxía matemática aos sectores produtivos, así como ferramentas de apoio a cuestións estratéxicas como o medio natural, a biomedicina ou a xenómica.
Ademais de Galicia, as outras sedes do Instituto Español de Matemáticas van ser Madrid, Cataluña e Andalucía.
Urbano Fra Paleo é profesor titular no departamento de Xeografía e Ordenación do Territorio da Universidade de Estremadura. Actualmente desenvolve o seu traballo profesional dende Lugo como coordinador da REDIX, a Rede Galega de Investigación en Información Xeográfica. Con el conversamos sobre como previr riscos naturais dende a ordenación do territorio.

Urbano Fra.
O profesor Fra tamén nos falou do programa Initia co que a asociación Sigma Xi leva a alumnos de secundaria aos laboratorios de investigación da USC en Lugo.
Grazas á mestría do noso novo colaborador César Goldi podemos entrevistar nin máis nin menos ca Leonhard Euler.