Esta semana coñecéronse os gañadores do premio Galicia de Investigación, na modalidade de investigación científico-técnica. O xurado, integrado por científicos da categoría de Pedro Echenique ou Ginés Morata, ambos premio Príncipe de Asturias de Investigación, concedeulle o premio “Antonio Casares e Rodrigo” ao físico Carlos Pajares. Este especialista en física de partículas e no estudo da orixe do universo é un recoñecido catedrático da Universidade de Santiago da que chegou ser reitor.
Na categoría de investigador mozo concedéuselles o premio ex aequo ó nanoquímico da Universidade de Vigo Miguel Ángel Correa Duarte, e ao doutor enxeñeiro de telecomunicacións da mesma universidade ,Roberto López Valcarce, especialista en eliminación de distorsións nos procesos de transmisión de sinais dixitais.
O 23 de abril vaise celebrar por primeira vez o Día do Científico Galego por iniciativa da Real Academia Galega de Ciencia. Nesta ocasión o homenaxeado é o matemático Enrique Vidal Abascal.
Juan Freire defínese a si mesmo como “biólogo, profesor universitario e emprendedor. Explorador do papel da innovación, a estratexia e a tecnoloxía nas redes sociais, as organizacións e as cidades”. Con el temos o gusto de conversar no tempo da entrevista.

Juan Freire a contraluz nos estudios da Radio Galega na Coruña.
Se es estudante de primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional tes ata o 9 de maio para participar en “Galicia e as Ciencias do mar“, ou para invitar os axudantes do doutor Octo para que presenten o concurso no teu colexio ou instituto.

O profesor Octo.
No IES de Valga vimos en acción aos axudantes do profesor Octo realizando exemplos de sinxelos experimentos sobre as ciencias do mar. Os equipos de tres alumnos e un profesor que cheguen á final participarán nunha xuntanza de ideas na Estación de Bioloxía Mariña da Graña de Ferrol. Os gañadores de cada categoría virán a Efervesciencia a ensinarnos en directo os seus experimentos.