Acompañando a unha delegación galega de profesores de ENCIGA tivemos a sorte de visitar o CERN en Xenebra unha semana despois da inauguración do LHC.

Durante cinco días coñecemos in situ o maior proxecto de investigación europeo da man dos seus protagonistas. Conversamos con físicos teóricos, experimentais, enxeñeiros, xestores, técnicos,… toda a fauna do ecosistema do CERN. Por certo, unha páxina web educativa excelente – e en galego – sobre o LHC é a que confeccionou Ramón Cid.
O venres 19 de setembro foi o día mais emocionante…

8:30 Visitamos a sala de control do detector ATLAS. Todo está listo para inxectar protóns.

Sala de control do detector ATLAS.
Sala de control do ATLAS.
[youtube iYRQpcJVQx8]
12:05 Prodúcese un fallo entre os sectores 3 e 4.

13:00 Gravamos na sala multimedia do departamento de educación do CERN a parte principal dun programa especial de Efervesciencia sobre o LHC no que participan José Salicio, Ángel Uranga, Marta Gómez-Reino, Juan Carlos Pérez, Abrahan Gallas, Daniel Esperante, Fernando Varela e María José Fuentes (ENCIGA).

16:30 Conexión en directo co “Tren do serán”.

16:45 Escoitamos rumores de que hai un problema grave no acelerador.

17:00 Guiados por Mick Storr visitamos a “fábrica de materia” (a fonte de protóns) e a de “antimateria”. De feito, o CERN é o único lugar do mundo onde se produce antimateria. Aínda mais, é o único sitio de todo o universo onde se crean átomos de antihidróxeno!

Fabrica de antimateria no CERN
A “fábrica” de antimateria.
19:00 Na intranet do CERN unha nota sucinta informa dunha fuga de helio nun dos sectores. Xa está en boca dos investigadores o alcance da avaría. A opinión xeneralizada é que o raro é que todo estivese indo tan ben ata ese momento. Poñer en marcha unha -máquina tan complexa é complicado. O LEP – o antecesor do LHC – tardou meses en conseguir que as partículas deran voltas completas ao anel, algo que o LHC conseguiu na primeira semana. Nesta máquina existen un alto número de procesos críticos que poden facer que o acelerador se estrague. Un dos posibles fallos contemplados polos técnicos é a desmagnetización súbita dun dos imán superconductores, que é o que aconteceu neste accidente.A reparación vai obrigar subir á temperatura ambiente os sectores implicados. Por cuestións de aforro económico o Gran Colisionador de Hadróns non funcionará nos invernos– a electricidade é mais cara nesta estación, e o LHC ten unha potencia de 120 MW, tanto como todas as vivendas do Cantón de Xenebra -. Así pois, non se poderá retomar a posta en marcha do acelerador ata a primavera.

21:30 Conexión con “Punto de encontro” da Radio Galega. Somos, probablemente, o primeiro medio en informar do alcance deste accidente no LHC.

O noso especial agradecemento a Fernando Varela, Marta Gómez-Reino e Teresa Fonseca (CERN), Mick Storr (Departamento de educación do CERN) e Margarita Cimadevila e Pepe Facal (ENCIGA).

Programa 101 (21-9-08)