
Programa especial con público desde o Teatro Colón da Coruña no festival Coruña Comunica Ciencia. (0:16) Radioteatro “Calvet en bicicleta” ao vivo coas voces de César Goldi, Avelino González, Manu Fernández e Estíbaliz Espinosa, o piano de Juanjo Fernández e o contexto de Rosa Pedrido e Estíbaliz Espinosa.
Nos anos 30 do século XX, Fernando Calvet foi un catedrático de química innovador na docencia e na investigación. As novas autoridades franquistas desterran e expulsan a Calvet da súa cátedra na Universidade de Santiago. Calvet resiste e logra grandes fitos na industria farmacéutica, mesmo coa aquiescencia do réxime que quixo afogar a súa vida. Unha historia de solidariedade e mérito científico que se ramifica en direccións inesperadas, algunhas en bicicleta, e que chegan a hoxe en día.
Actualización 22-9-26
Estamos moi contentos por ter recibido o Prisma Casa das Ciencias ao mellor programa de radio por Calvet en bicicleta.
O xurado destacou o traballo «por aproveitar todas as posibilidades dunha experiencia estética sonora integral», unhas palabras fermosas que nos fan especial ilusión.
A historia de Calvet fascinounos desde hai moito tempo e quixemos levala á radio explorando as posibilidades do radioteatro e da música ao vivo. Pero tamén quixemos darlle contexto e abrir fíos inesperados, porque non se pode contar a ciencia no baleiro.